 
	     
  
        
          
		  
Tanxugueiras
 despídese por todo o alto de “Diluvio” con O DERRADEIRO DILUVIO, un concerto especial fin de xira que terá lugar o próximo sábado 16 de decembro no histórico recinto Coliseum da Coruña. 
		  
		  
		   Despois de dous intensos anos nos que a formación convertiuse nun dos nomes de referencia do panorama musical a nivel estatal ofrecendo máis de 110 actuacións por toda a Península. Algúns concertos quedarán para a historia, como o do Festival Noroeste na Coruña diante de 80.000 persoas ou o do Auditorio de Castrelos de Vigo ante 40.000 persoas, así como o seu paso por macrofestivais como o Río Babel ou o Cruïlla, festivais icónicos como o Festival de Ortigueira ou o Festivalino de Pescueza, grandes ciclos de concertos como o Pirineo Sur, templos como o Palau de la Música ou localizacións históricas como os pés do Acueducto de Segovia. 
		  
		  
		   Con todo isto, o trío decidiu poñer o broche final a esta fructífera etapa na súa terra. "Galicia é o noso fogar e é o lugar que nos viu nacer e medrar como Tanxugueiras. É por iso que cremos que a mellor maneira de celebrar todo o bo que nos pasou nestes últimos anos é facelo coa nosa xente, acompañadas das nosas amigas e familia" - afirma o grupo - "Ademáis, que se nos brinde a oportunidade de cantar nun sitio histórico polo que pasaron grandes artistas como Shakira, Marc Anthony, Aitana, Maná ou Sting, e poder facelo cunha proposta en galego énchenos de orgullo”.
		  
		  
			 O mérito de Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro é o de ter sido capaces de chegar a un público masivo derrubando as fronteiras lingüísticas cunha visión musical que recolle o legado das pandeireteiras e reinterpreta os sons dunha tradición milenaria para fusionalos con ritmos urbanos e electrónicos. Unha explosión de modernidade marcada por un estilo épico e unha forza ancestral que as fixo triunfar polo mundo e que foi recoñecida pola industria con galardóns nos Premios Min e Odeón nas súas respectivas edicións de 2023.